1 jul. 2017

Acto conmemorativo polo 90 aniversario do Juan Sebastian Elcano

Acto conmemorativo polo 90 aniversario do Juan Sebastian Elcano
Día: 13 de xullo
Hora: 19:30h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza:
Xornadas-Reencontro coa Historia de Marín
O grupo de acción cultural “Xornadas-Reencontro coa Historia de Marín”, que se integra no Club de Opinión Portocelo, organiza un acto conmemorativo polo 90 aniversario da botadura do buque escola Juan Sebastián Elcano. O acto terá lugar o vindeiro 13 de xullo no Museo Manuel Torres a partir das 19:30h.
Dende aquel 5 de agosto de 1943 en que atracou por vez primeira no porto militar da ENM, que se inauguraba nese mesmo mes e ano, a esbelta figura do bergantín-goleta Juan Sebastián de Elcano, buque escola da Armada, no se borrou da retina daqueles marinenses que tiveron a ocasión de recibilo entre escenas de emoción e  asombro aínda hoxe inolvidables.
A partir de entón pasou a formar parte de Marín en perfecta simbiose histórica. De feito non se entende a historia da vila de Marín sen que leve unido a esta o nome do ‘Juan Sebastián de Elcano’, cuxa presenza é obrigada ano tras ano nas festas do Carme, pechando o seu cruceiro de instrución dos gardamarinas, para asistir ao acto de Entrega de Despachos. Alguén escribiu no seu día que “Elcano é como un gardamarina novo que ten namorada unha moza que se chama Marín”.
O acto dividirase en tres partes:
·         19.30h Inauguración da exposición de fotografías cedidas pola Armada do buque nalgunha das súas visitas a Marín. Inclúe un cadro ao óleo pintado exprofeso para a ocasión pola pintora marinense Patricia Otero, profesora de pintura de la Asociación Céltica Galicia.
·         20.00h Conferencia “Juan Sebastián de Elcano. O maior navegante da historia” a cargo do comandante do buque, Victoriano Gilabert Agote, capitán de navío. Natural de Orihuela ingresou na ENM en 1983 onde recibiu o despacho de alférez de navío. Especialista en armas submariñas e diplomado polo Estado Maior. É licenciado en Dereito pola Uned.
·         21.00h Entrega do diploma FACENDO HISTORIA.
El acto será presentado polo comandante-director da ENM, José María Núñez Torrente.


30 jun. 2017

Conferencia: A represión sobre as mulleres tras o golpe de estado do 36

Conferencia: A represión sobre as mulleres tras o golpe de estado do 36
Día: 6 de xullo
Hora: 20:30h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Asociación Para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín
O vindeiro xoves día 6 ás 20:30 h terá lugar, no Museo Municipal Manuel Torres, a inauguración da exposición Do Gris ao Violeta, presentada pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín e que se poderá visitar ata o 19 de xullo.
A xornalista e escritora Montse Fajardo, autora de Matriarcas e Un cesto de mazás, memoria das vítimas do 36 e do tempo que pasou,ofrecerá a conferencia “A represión sobre as mulleres tras o golpe de estado do 36”; no acto intervirán, ademais, Luís Bará, autor de “Non des a esquecemento” e a profesora Ana Acuña, en representación a Asociación da Memoria de Marín.
A exposición trata de manter viva a memoria das mulleres represaliadas durante a Ditadura Franquista, polo seu activismo político e social.
A historia das mulleres de Marín, protagonistas activas xa dende a primeira folga no 1903 e 1904, deixou na nosa vila un regueiro de loitadoras agrupadas en distintas asociacións como “El Porvenir de la Mujer”, integrada na Federación Obreira de Marín(UGT). A súa loita foi constante para mellorar a súa condición laboral, figurando o noso concello como un dos lugares pioneiros na defensa dos dereitos das traballadoras galegas.
Na folga de 1915, a máis dura, as mulleres solidarizáronse cos mariñeiros en folga e mesmo foron detidas polas manifestacións feitas en público en defensa destes. Desde a Federación Obreira no 1919 legalízase a asociación “Conserveras y Trabajadoras del Salazón de Marín” e outra denominada “Atadoras de Marín y sus Contornos”. Durante os anos 30 continúan as súas reivindicacións e nas xuntas directivas das sociedades de mulleres son elas as que ocupan a presidencia. E na Ditadura Franquista, aquelas que destacaron na loita polos seus dereitos, foron xulgadas e detidas pola súa actividade política;  rapadas, presas, deportadas e mesmo asasinadas, como no caso de Carme Pesqueira.
Desde a Asociación lembran a súa loita, que xira arredor do mundo do mar e as fábricas de salgadura e conservas, na defensa do seu traballo e reivindicando melloras para acadar unha sociedade máis xusta e igualitaria.



28 jun. 2017

Entrega dos Premios Lingua

Entrega dos Premios Lingua
Día: 1 de xullo
Hora: 21h
Lugar: Área Recreativa do Pornedo
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín

A Asociación Queremos Galego Marín entregará os Premios Lingua deste 2017 nun acto o vindeiro sábado 1 de xullo na área recreativa do Pornedo.
Con estes premios a asociación quere recoñecer publicamente o labor daquelas persoas e colectivos que contribúen á normalización da nosa lingua, cultura e medio así como tamén a dar a coñecer a aquelas persoas e entidades que a ignoran ou desprezan.
Como en anos anteriores foron moitos os nomes de persoas e colectivos que saíron á palestra para recibir o premio, mais finalmente as persoas que fan parte da asociación decidímonos polos seguintes:
· O Premio Lingua de Ouro na categoría individual este ano será para Rafael Quintía Pereira. Este pontevedrés, veciño da parroquia de Salcedo, é un coñecido e recoñecido antropólogo, economista, escritor e músico que traballa desde hai moitos anos no campo da investigación e a divulgación da etnografía, historia, cultura e antropoloxía social e cultural de Galiza.
Rafael Quintía tamén é un habitual da programación da Asociación Queremos Galego Marín con quen presentou o anuario “Fol de Veleno”, os seus libros, “Alicornio. O poder do corno de unicornio na mediciña tradicional galega” e “Análise estrutural e simbólica do mito da moura”, este último gañador do premio Vicente Risco de Ciencias Sociais do 2015. Tamén compartiu coa asociación a súa sabedoría sobre os ritos da morte na cultura galega.
Recibe este premio Lingua de Ouro porque ademais de valorizar e dignificar o noso patrimonio material e inmaterial, na súa vida e nos seus traballos de investigación emprega o galego como lingua vehicular.
· O Premio Lingua de Ouro na categoría de colectivo este ano será para a Asociación Monte Pituco. Este colectivo, que naceu a raíz da ameaza que supuña para o patrimonio e o medio o proxecto de instalación dun polígono industrial no monte Pornedo, é unha das asociacións que máis teñen contribuído nos últimos tempos á divulgación do patrimonio que atesoura o concello de Marín. Concédenlle pois o premio Lingua de Ouro colectivo como un merecido recoñecemento polo seu imprescindíbel labor na defensa do monte Pornedo e do seu patrimonio natural, paisaxístico e patrimonial e porque para facelo empregou o galego como lingua de traballo.
A Asociación Queremos Galego Marín parebeniza ademais a asociación Monte Pituco por conseguir nas últimas semanas unha sentenza que lle ordena á Xunta de Galiza a retirar o proxecto de polígono no monte Pornedo do seu plan de áreas industriais.
· O Premio Lingua de Trapo este ano está destinado ao concello de Marín para que repare un pouco no trato que lle dá á nosa lingua.
Neste sentido cómpre lembrar como por exemplo o proxecto Marín2020 estaba redactado só en castelán. Como o concelleiro de deportes, Antonio Traba Miñones, cada vez que presenta unha actividade deportiva nunha conferencia de prensa emprega única e exclusivamente o castelán. Como tanto na páxina web ou de Facebook do concello é normal atopar numerosas faltas de ortografía, ou como na última campaña informativa sobre a tenza de animais, nos soportes utilizados había unhas grallas ortográficas que de ser unha proba escolar merecería un suspenso.
Por todo isto, desde a Asociación Queremos Galego Marín reclamaron no pasado e seguen a reclamar no presente que desde o Concello de Marín se tomen en serio o galego e contraten un servizo de normalización lingüística que poña os piares para mellorar a situación e uso do galego en Marín.
Neste acto, no que colabora o Concello de Marín, as persoas e colectivos premiados recollerán unha figura realizada polo taller de cerámica marinense Alén das Olas.


Actuación de Tono Alcalde

Actuación de Tono Alcalde
Día: 30 de xuño
Hora: 21h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Ateneo Santa Cecilia
A voz e a música do compositor, guitarrista e intérprete Tono Alcalde serven esta semana para retomar os ‘Venres do Ateneo’. Na actuación, no Museo Manuel Torres a partir das 21:00 horas, repasará os seus temas máis emblemáticos, reunidos nos cinco discos que autoproduciu: “No todo se lo lleva el aire”, “De otra manera”, “En tu mirada”, “Próximo destino” e, o máis recente, “Mar de ti”.
O artista, de raíces galegas e extremeñas, leva preto de 30 anos tocando a guitarra, un instrumento que aprendeu de forma autodidacta que lle abriu as portas dunha ampla traxectoria tamén como percusionista, cantante, compositor e músico de sesión. Na última década vén completando a súa formación con estudos de armonía contemporánea no Ateneo Jazz de Madrid.  
Latinoamérica, Estados Unidos, Europa e Rusia son algúns territorios onde ten actuado con diferentes espectáculos e compañías artísticas como o Ballet Embrujo, o Ballet de Miami e Orquestras como Tatuaje e Ángel Israel.
Paralelamente, ten impartido clases de compás flamento en escolas de música e asociacións culturais de ciudades como Vigo, Madrid, Oslo ou Moscú. 
Por outra parte, ten traballado, colaborado e compartido escenario con artistas como Alejandro Sanz, Carliños Brown, Rafael Amargo, Pitingo, e grupos como Mártires del Compás, Los Habichuela, ou Arturo e Salome Pavón, entre outros. 
Entre os recoñecementos que ten colleitado destacan o premio á mellor actuación musical no XIII Festival Flamento “Viva España” de Rusia, organizado en Moscú por Flamenquería. Precisamente, neste país é onde na actualidade está centrando a súa carreira musical co afán de “compartir vivencias co público ruso”.
No acceso ao recital, que se enmarca no ciclo Pontegal, os socios do Ateneo achegan unha doazón dun euro; dous no caso dos non socios.  
 




23 jun. 2017

Mercado Solidario Marín 3R (Reutilizar, Reciclar, Regalar)

Mercado Solidario Marín 3R (Reutilizar, Reciclar, Regalar)
Día: 25 de xuño
Hora: a partir das 11h
Lugar: Alameda Rosalía de Castro
Organiza: Asociación de Mulleres O Abeiro
O vindeiro domingo 25 de xuño a Asociación de Mulleres O Abeiro celebrará unha nova edición do seu Mercado Solidario Marín 3R (Reutilizar, Reciclar, Regalar) desta volta na súa edición de verán.
Este mercado que puxo en marcha a asociación de mulleres vai pola súa 10ª edición amosa o acerto na súa organización cando con cada edición se aumenta o número de postos e a asistencia de máis público.
No mercado que comezará a partir das 11 da mañá poderanse intercambiar e comprar produtos de segunda man, e tamén doar todas aquelas cousas que xa non se usen e que outras persoas poidan utilizar. En tempo de crise a solidariedade é un apoio preciso para que todas as persoas poidan seguir adiante, por iso desde O Abeiro animan a veciñanza a participar nesta iniciativa.

15 jun. 2017

Maxia: “Mago Dani García”

Maxia: “Mago Dani García”
Día: 16 de xuño
Hora: 21h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Ateneo Santa Cecilia
O mago galego Dani García actuará neste Venres do Ateneo a partir das 21:00 horas, no Museo Municipal Manuel Torres de Marín, cun espectáculo visual para público familiar titulado “1,2,3, probando”. Ilusións con obxectos prestados polos asistentes, obxectos cotiás como cordas, perchas e panos de papel serán os elementos que porá en escena Dani García, ata o extremo de chegar a facer maxia co seu propio corpo.
Tampouco faltará o humor nesta sesión aberta á imaxinación e á fantasía na que este artista escénico experimentará as súas últimas destrezas. Malia a súa xuventude, Dani García ten xa unha ampla traxectoria, que comezou con 13 anos formándose a través da Escola de Teatro de Narón, participando en cursos de circo e malabares, e asistindo a congresos de maxia con profesionais da talla de Juan Tamariz, entre outros.
O próximo ano cumpriranse dez dende que puxo en marcha Symbiosis Produccións co tamén mago Martty Anderson. Actualmente traballa entre España e Estados Unidos, ademais de colaborar con compañías de teatro nos ámbitos da actuación e do deseño de efectos especiais. Entre as montaxes nas que ten participado destacan a obra “A porta das mentiras”, escrita por Paula Carballeira, o Festival Internacional de Maxia de Valongo en Portugal, o espectáculo propio “Don Gelati” a base de maxia de rúa, ou o Concurso de Close Up organizado en Estados Unidos pola Irmandade Internacional de Magos, no que quedou clasificado en segunda posición.
No marco da programación cultural do Ateneo Santa Cecilia, a actuación de Dani García forma parte do ciclo Pontegal. No acceso á actividade o público achega unha doazón de 1€ no caso dos socios e socias do Ateneo; 2€ os non socios.

4 jun. 2017

Charla: “Conversamos con…”

Charla: “Conversamos con…”
Día: 15 de xuño
Hora: 20:30h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Ateneo Santa Cecilia
O Club de Opinión Portocelo continúa coa súa xeira de charlas “Conversamos con..” o vindeiro xoves 15 de xuño, cun debate no que intervirán antigos concelleiros de Marín.
Estes concelleiros, de distintas forzas e de distintos períodos da historia, analizarán e darán a súa opinión, desde a súa propia experiencia como ex membros da corporación, sobre o estado do municipio.
O concelleiros que intervirán son Santiago Pazos Moreira (PP), Luciano Guimeráns Pazos (BNG), Lois G. Dopazo (PG) e Manuel Pazos Lamoso (PSOE).
O coloquio e posterior debate será dirixido e moderado por Ángel García Carragal.


3 jun. 2017

Concerto: “Felipe Rea e Miguel Alfonso”

Concerto: “Felipe Rea e Miguel Alfonso”
Día: 9 de xuño
Hora: 21h
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Ateneo Santa Cecilia
O venres 9 de xuño a biblioteca de Marín acollerá a partir das 21h o concerto do dúo de gaita e guitarra formado por Felipe Rea e Miguel Alfonso.
Este dúo ofrecerá un repertorio tradicional a base de pezas recuperadas da antiga Danza de Espadas do Cantodarea e das Marchas Procesionais de Marín. Tamén soarán pezas do folclore doutros países, arraigado ao longo dos anos nas tabernas mariñeiras, xunto con composicións propias dos músicos inspiradas no oficio do mar.
Felipe Rea e Miguel Alfonso son profesores da Academia de Música Quodlibet, de Pontevedra. O gaiteiro de Estribela combina a súa faceta de mestre de gaita coa de músico en proxectos tanto de mistura de estilos como de raíz máis tradicional. Empezou os seus estudos de gaita con Rogelio Rodríguez, Lorenzo Gago e Francisco Landín e formou parte de agrupacións como  Trompos os pés e Gandaina. Perfeccionou os seus estudos en Vilagarcía e Vigo e colaborou con diversos grupos e asociacións como Celme, Retrouso, Ansar ou Abelaíña, tanto de música tradicional como moderna.
Os seus intereses pasan tamén pola investigación e o traballo de recollida de campo en aldeas de materiais relacionados co patrimonio oral, como melodías, lendas, contos ou xogos; actualmente prepara un traballo sobre a vida e a obra de Francisco Landín Pazos e o grupo “Os de Marín”.
Entre os certames nos que participou destacan o 1º premio Músicas de Verán en Vilagarcía en 2014 e Grupo de Acompañamento en Bandeira en 2005, ademais de subcampeón no concurso de gaiteiros solistas O Pedrón, en Padrón en 1996, entre outras competicións musicais celebradas en Ponteareas, Melide ou A Coruña. Co seu grupo Quodlibet de gaita e piano ten gravados dous discos. Como compositor ten colaborado don numerosas bandas de gaitas, anuncios publicitarios, documentais e o corto de animación Musicidio.
Pola súa parte, Miguel Alfonso estudou nos conservatorios de Santiago de Compostela e Vigo, ademais de perfeccionar a súa titulación en Guitarra Clásica en cursos con prestixiosos mestres. Acumula máis dunha década de experiencia impartindo clases de guitarra clásica e moderna. 
Esta actividade forma parte do ciclo Pontegal e no acceso os socios e socias do Ateneo achegan unha doazón de 1 euro; 2 euros no caso dos non socios.

22 may. 2017

Conferencia: “Antártida, as pegadas no xeo, Vivencias dun reporteiro de Marín”

Conferencia: “Antártida, as pegadas no xeo, Vivencias dun reporteiro de Marín”
Día: 9 de xuño
Hora: 20:30h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Club de Opinión Portocelo
O Club de Opinión ‘Portocelo’ organiza unha conferencia sobre ‘Xornalismo e cambio climático’ no que intervirá como poñente o mozo periodista marinense Carlos Prado Pampín que disertará sobre ‘Antártida, as pegadas no xeo, Vivencias dun reporteiro de Marín.’ O acto terá lugar o próximo día 9 de xuño no Museo M. Torres.
Carlos Prado Pampín, exporá, apoiado nunha curtometraxe realizada para La Sexta, a súa experiencia periodista na Antártida, onde acudiu o pasado febreiro a bordo do buque de investigación ‘Hespérides’ para facer unha reportaxe sobre el terreo das consecuencias do cambio climático. Da súa viaxe ao continente antártico adianta antes da charla que: "Convivímos coa élite da ciencia e comprobamos que había case 40 anos que non había tan pouco xeo. Os glaciares derrétense, achegan auga ao mar e sobe o seu nivel.
Carlos Prado nova promesa do xornalismo posúe o Premio Befesa de Periodismo Medioambiental co que lle foi recoñecido o seu labor e "a linguaxe didáctica e objextiva empregada polo premiado para trasladar ao espectador con rigor temas complexos de forma sinxela".
Desde rapaz gustáronlle os animais e amosou unha especial paixón e respecto polo medio e a natureza, algo que aínda hoxe en día leva dentro.
Estudou bacharelato no IES Illa de Tambo, onde comeza a despertar nel certo interese por estudar bioloxía, aínda que despois derivaría a súa predilección polo xornalismo, especialidade na  que se licenciou pola USC, despois de  pasar pola Escola de Imaxe e Son de Vigo. Foi pregoneiro das festas de Marín.

21 may. 2017

Teatro: “A coleccionista de sombras”

Teatro: “A coleccionista de sombras”
Día: 2 de xuño
Hora: 19:30h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Ateneo Santa Cecilia
“A coleccionista de sombras (Farsa en tres actos e dous entreactos)” é a representación teatral que ofrecerá neste ‘Venres do Ateneo’ o Equipo de Dinamización Lingüística do IES Mestre Landín de Marín, dirixido polas profesoras Susana Arizaga e Casilda Basteiro. Será ás 19:30 hora no Salón de Actos da Biblioteca Pública Municipal Vidal Pazos, con entrada libre.
Baseada nunha obra de Antón Cortizas Amado, esta adaptación escolar dirixida a público de todas as idades evoca a historia dunha coleccionista de sombras que de súpeto, perde unha das máis valiosas: a sombra de cor verde. Daquela contará coa axuda de varios personaxes para recuperala; unha peripecia na que se darán situacións cómicas e humorísticas, incluída a intervención do público.
Na coordinación e dirección deste espectáculo colaboraron Susana Arizaga e Casilda Basteiro, dúas docentes do propio IES Mestre Landín cuxa traxectoria está vencellada tamén ao teatro, á literatura e á arte, que consideran “o eixo do empoderamento e da educación emocional do alumnado”.