18 mar 2013

Viva Rosalía

Acto: Viva Rosalía
Día: 22 de marzo
Hora: 19:30
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Asociación de Mulleres o Abeiro e a Asociación Queremos Galego Marín


A Asociación de Mulleres O Abeiro e a asociación a prol da lingua e cultura galega, Queremos Galego Marín, suman as súas forzas para rendir homenaxe á nosa matriarca, Rosalía de Castro no 150 aniversario da publicación do que foi o primeiro libro íntegro monolíngüe do renacemento da nosa literatura culta. Para isto presentan unha programación conxunta que consiste na exposición “Rosalía sempre viva, Viva Rosalía!” que se inaugurará este vindeiro venres 22 de marzo ás 19h30 no Museo Manuel Torres. Esta mostra é froito da colaboración entre a Fundación Manuel María e o Concello de Pontevedra, e conmemora o 125 aniversario do falecemento da escritora. A exposición fai un amplo percorrido polas diferentes vertentes da vida e obra da literata mostrándonos unha Rosalía culta, revolucionaria, feminista, universal e fundadora da literatura contemporánea. A exposición estará para o desfrute da veciñanza até o vindeiro 31 de marzo.
Seguidamente, ás 20h00, no propio Museo Manuel Torres, continuarase coa conferencia “A poesía rosaliana como símbolo da identidade galega” a cargo do profesor de historia da filosofía Santiago Losada Carregal.
Tanto dende A Asociación de Mulleres O Abeiro coma a Asociación Queremos Galego Marín, queremos destacar a Rosalía como unha verdadeira precursora na defensa dos dereitos das mulleres na súa época, por iso non é casualidade a elección do mes de marzo para a realización das actividades. Tamén queremos incidir en que a pretensión destes actos é “divulgar a verdadeira dimensión expresiva e reivindicativa da escritora compostelá, símbolo do seu tempo e tan viva nos tempos actuais”, ademais de “visionaria do futuro do noso idioma”.


No hay comentarios:

Publicar un comentario