5 abr 2013

Presentación anuario Fol de Veleno

Acto: Presentación anuario Fol de Veleno
Día: 9 de abril
Hora: 20H
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín

Despois da presentación do libro “Herdeiros pola forza” e da iniciativa patrimoniogalego.net o venres e da visita ao Castro da Subidá deste sábado as I Xornadas sobre Patrimonio organizadas pola Asociación Queremos Galego Marín continúan este martes 9 de abril ás 20h na Biblioteca Municipal coa presentación de “Fol de Veleno. Anuario de antropoloxía e historia de Galiza” na que intervirán Rafael Quintía (antropólogo, economista, director de Fol de Veleno e membro da SAGA) e João Bieitez (profesor de plástica e audiovisuais, responsable do deseño e maquetación do anuario e membro da SAGA)
FOL DE VELENO. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza” é unha publicación editada pola Sociedade Antropolóxica Galega, SAGA, na que prevalece o interese divulgativo e de labor social, nun intento por achegar á cidadanía temas culturais que normalmente permanecen circunscritos ao ámbito académico ou especializado. O anuario está pensado, xa que logo, como un espazo libre e de calidade onde especialistas da etnografía, da arqueoloxía, da historia e da antropoloxía galega poidan expor as súas achegas e as súas investigacións. Ademais ofrece aos novos investigadores que traballan no eido da descuberta e da recuperación da nosa cultura popular e da nosa historia unha canle onde publicar os seus traballos. FOL DE VELENO tamén está aberto ás achegas doutros investigadores de fóra de Galiza e a traballos alleos ao ámbito galego mais que pola súa temática poidan ser de interese para os lectores. Os ingresos obtidos coa venda do anuario van destinados integramente ao financiamento deste proxecto editorial como único xeito de garantir a viabilidade da publicación.
A Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) é unha asociación cultural sen ánimo de lucro cuxos obxectivos son a investigación e a divulgación da etnografía, da prehistoria e da historia de Galiza, da súa cultura tradicional —tanto material como inmaterial— e de todo os aspectos enmarcados dentro do campo da antropoloxía social e cultural, así como a promoción de todas aquelas actividades, publicacións, traballos e accións que vaian en beneficio da conservación, divulgación e investigación do acervo cultural galego.
Para levar a cabo todo este labor, a sociedade conta coa colaboración dun amplo número de profesionais das distintas áreas que abrangue o proxecto. Ao abeiro da SAGA reúnense antropólogos, etnógrafos, arqueólogos, historiadores, filólogos, artistas plásticos, restauradores de arte, técnicos en audiovisual, músicos e moitos outros colaboradores comprometidos coa aventura cultural e social que significa SAGA.
Entre os proxectos que ten en marcha a Sociedade Antropolóxica Galega cabe salientar:
·                     A publicación cuatrimestral do seu boletín informativo Caderno de Campo (ISSN: 2254-3406).
·                     A edición do anuario Fol de Veleno. Revista de Antropoloxía e Historia de Galiza(ISSN: 2253-837)
·                     A realización de documentais e doutros traballos audiovisuais no eido da divulgación do patrimonio material e inmaterial da cultura galega. Cítense: Comuneiros. Cen anos de vida e loita polo monte de Salcedo (2011), Sete Camiños, encrucillada do tempo (2011), Metocas (2012), A Sega (2012). Actualmente atópanse en fase de filmación dous documentais Sementeira doCenteo e Campaneiros. Os valedores dos sinos.
·                     A organización de presentacións, xornadas e conferencias sobre os temas obxecto da súa labor. Como exemplo as “Xornadas sobre o Entroido en Galiza”, celebradas en Pontevedra en febreiro de 2013 ou as -Charlas sobre a Pedra Alta de Castrelo do Val, celebradas en Castrelo do Val en, abril, 2012.
·                     A posta en marcha de proxectos de investigación antropolóxicas sobre diferentes aspectos do campo das crenzas, da relixiosidade e do mundo simbólico galego.
·                     A realización de programas de posta en valor do patrimonio material e inmaterial. Nestes momentos colabora activamente —como parte da súa comisión técnica— na posta en marcha e divulgación do proxecto para a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.


No hay comentarios:

Publicar un comentario