18 may 2017

Actuación: “Solistas de Valga”

Actuación: “Solistas de Valga”
Día: 26 de maio
Hora: 21h
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Ateneo Santa Cecilia
Composicións de Schumann, Rachmaninov, Singelée, Messiaen e Milhaud conforman o repertorio musical que interpretará mañá no ‘Venres do Ateneo’, a partir das 21:00 horas na Biblioteca Municipal de Marín, o dúo Solistas de Valga formado por Adrián Pais e Paula Gago.
Adrián Pais iniciou os seus estudos de saxofón na nenez e continuou formándose nos Conservatorios de Palma de Mallorca e de Burdeos. Formando parte do grupo Art Sound Quartet gañou varios premios en concursos nacionais e internacionais, ademais de editar “Capriccio”, un disco que repasa o repertorio do saxofón do clasicismo e do romanticismo.
Paula Gago tamén comezou a estudar piano sendo moi nova. Logo de pasar polos conservatorios de Pontevedra e de Santiago de Compostela, titulouse como Profesora Superior nas especialidades de Piano e Música de Cámara. Desde 1995 dedícase plenamente ao acompañamento de instrumentistas de todas as especialidades, cos que ten actuado en concertos, cursos e certames. Ademais de pertencer a varias agrupacións de cámara con músicos de gran nivel, na actualidade é a pianista de Camerata Arven.
Ambos intérpretes proceden da Escola de Música Municipal de Valga, que nos últimos anos impulsou varias agrupaciónde de música de cámara. A Escola de Música de Valga, creada en 1996, pasou de contar con 30 alumnos e 2 profesores a ter neste momento 130 estudantes e 15 mestres de diversas especialidades. Tres anos despois xa comezou a programar aulas de música de cámara, da que xurdiron un grupo de percusión, un coro infantil, un cuarteto de frautas e un quinteto de metais, entre outras formacións. Dende hai seis anos todas elas participan no Ciclo de Música de Cámara organizado por este concello, ademais de acompañar a Coral Polifónica de Betanzos na programación conmemorativa do día de Santa Icía.



No hay comentarios:

Publicar un comentario