3 jun. 2017

Concerto: “Felipe Rea e Miguel Alfonso”

Concerto: “Felipe Rea e Miguel Alfonso”
Día: 9 de xuño
Hora: 21h
Lugar: Biblioteca de Marín
Organiza: Ateneo Santa Cecilia
O venres 9 de xuño a biblioteca de Marín acollerá a partir das 21h o concerto do dúo de gaita e guitarra formado por Felipe Rea e Miguel Alfonso.
Este dúo ofrecerá un repertorio tradicional a base de pezas recuperadas da antiga Danza de Espadas do Cantodarea e das Marchas Procesionais de Marín. Tamén soarán pezas do folclore doutros países, arraigado ao longo dos anos nas tabernas mariñeiras, xunto con composicións propias dos músicos inspiradas no oficio do mar.
Felipe Rea e Miguel Alfonso son profesores da Academia de Música Quodlibet, de Pontevedra. O gaiteiro de Estribela combina a súa faceta de mestre de gaita coa de músico en proxectos tanto de mistura de estilos como de raíz máis tradicional. Empezou os seus estudos de gaita con Rogelio Rodríguez, Lorenzo Gago e Francisco Landín e formou parte de agrupacións como  Trompos os pés e Gandaina. Perfeccionou os seus estudos en Vilagarcía e Vigo e colaborou con diversos grupos e asociacións como Celme, Retrouso, Ansar ou Abelaíña, tanto de música tradicional como moderna.
Os seus intereses pasan tamén pola investigación e o traballo de recollida de campo en aldeas de materiais relacionados co patrimonio oral, como melodías, lendas, contos ou xogos; actualmente prepara un traballo sobre a vida e a obra de Francisco Landín Pazos e o grupo “Os de Marín”.
Entre os certames nos que participou destacan o 1º premio Músicas de Verán en Vilagarcía en 2014 e Grupo de Acompañamento en Bandeira en 2005, ademais de subcampeón no concurso de gaiteiros solistas O Pedrón, en Padrón en 1996, entre outras competicións musicais celebradas en Ponteareas, Melide ou A Coruña. Co seu grupo Quodlibet de gaita e piano ten gravados dous discos. Como compositor ten colaborado don numerosas bandas de gaitas, anuncios publicitarios, documentais e o corto de animación Musicidio.
Pola súa parte, Miguel Alfonso estudou nos conservatorios de Santiago de Compostela e Vigo, ademais de perfeccionar a súa titulación en Guitarra Clásica en cursos con prestixiosos mestres. Acumula máis dunha década de experiencia impartindo clases de guitarra clásica e moderna. 
Esta actividade forma parte do ciclo Pontegal e no acceso os socios e socias do Ateneo achegan unha doazón de 1 euro; 2 euros no caso dos non socios.

No hay comentarios:

Publicar un comentario