15 jun 2017

Maxia: “Mago Dani García”

Maxia: “Mago Dani García”
Día: 16 de xuño
Hora: 21h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Ateneo Santa Cecilia
O mago galego Dani García actuará neste Venres do Ateneo a partir das 21:00 horas, no Museo Municipal Manuel Torres de Marín, cun espectáculo visual para público familiar titulado “1,2,3, probando”. Ilusións con obxectos prestados polos asistentes, obxectos cotiás como cordas, perchas e panos de papel serán os elementos que porá en escena Dani García, ata o extremo de chegar a facer maxia co seu propio corpo.
Tampouco faltará o humor nesta sesión aberta á imaxinación e á fantasía na que este artista escénico experimentará as súas últimas destrezas. Malia a súa xuventude, Dani García ten xa unha ampla traxectoria, que comezou con 13 anos formándose a través da Escola de Teatro de Narón, participando en cursos de circo e malabares, e asistindo a congresos de maxia con profesionais da talla de Juan Tamariz, entre outros.
O próximo ano cumpriranse dez dende que puxo en marcha Symbiosis Produccións co tamén mago Martty Anderson. Actualmente traballa entre España e Estados Unidos, ademais de colaborar con compañías de teatro nos ámbitos da actuación e do deseño de efectos especiais. Entre as montaxes nas que ten participado destacan a obra “A porta das mentiras”, escrita por Paula Carballeira, o Festival Internacional de Maxia de Valongo en Portugal, o espectáculo propio “Don Gelati” a base de maxia de rúa, ou o Concurso de Close Up organizado en Estados Unidos pola Irmandade Internacional de Magos, no que quedou clasificado en segunda posición.
No marco da programación cultural do Ateneo Santa Cecilia, a actuación de Dani García forma parte do ciclo Pontegal. No acceso á actividade o público achega unha doazón de 1€ no caso dos socios e socias do Ateneo; 2€ os non socios.

No hay comentarios:

Publicar un comentario