26 oct 2017

Conferencia sobre a figura de Victorino Gutiérrez Aller

Conferencia sobre a figura de Victorino Gutiérrez Aller
Día: 27 de outubro
Hora: 20h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Ateneo Santa Cecilia
O ex-fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Carlos Varela, impartirá unha conferencia no ‘Venres do Ateneo’ este venres, 27 de outubro, ás 20:00 horas no Museo Manuel Torres de Marín. A súa intervención abordará a figura do notario Victorino Gutiérrez Aller (Lalín, 1937), experto en Dereito Civil galego, pioneiro na redacción de testamentos na nosa lingua e impulsor da normativa xurídica galega para actos documentados.
Este acto convócase en vésperas das celebracións do Día de Todos os Santos e do Día de Defuntos; datas nas que, o pasado ano, o Ateneo Santa Cecilia, a Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística e o Concello de Marín organizaron a instalación dun monolito e dunha placa no Cemiterio Municipal de Marín en homenaxe a todas as persoas que empregaron o galego ao longo da súa vida como canle de expresión e de relación.
Afondando no seu compromiso coa lingua e coa cultura de Galicia, o Ateneo Santa Cecilia fai un chamamento á veciñanza de Marín e da contorna para que asista á charla de Carlos Varela. Asemade, empraza ás persoas que o desexen a que redacten unha manda testamentaria en galego, cunha extensión de 30 a 40 liñas de texto, e a envíen ao correo electrónico do Ateneo, ateneosmarin@hotmail.com, ata o día 21 deste mes.
Trátase dun texto que, a modo de protocolo, se insire nas declaracións de herdeiros para que os descendentes e beneficiarios prosigan no futuro o labor de impulso e de fomento da lingua e da cultura galegas.
Coas mandas testamentarias que se reciban imprimirase unha publicación que se presentará o venres 27. O reducido número de testamentos que se redactan na nosa lingua xustifica esta aposta pola normalización no uso da lingua galega e polo prestixio da nosa identidade.


No hay comentarios:

Publicar un comentario