28 feb 2018

Charla: “Os alcumes de Marín nos anos 50”


Charla: “Os alcumes de Marín nos anos 50”
Día: 16 de marzo
Hora: 20h
Lugar: Museo Manuel Torres
Organiza: Asociación Queremos Galego Marín
A Asociación Queremos Galego Marín continua co seu ciclo de actos “o galego máis alá da literatura” cunha charla sobre os alcumes de Marín nos anos 50 o vindeiro 16 de marzo ás 20h no Museo Manuel Torres.
Os alcumes ou alcuños son os nomes que se lle dá coloquialmente a unha persoa ou familia, xurdido polas razóns máis diversas, con ou sen o beneplácito de quen o porta, e que pode tomar como base as características físicas ou morais, reais ou inventadas deste.
Na Galiza hai unha longa tradición de alcumes, e poucas deben ser as familias que non teñen ou tiveron un. O alcuño desempeña dúas funcións fundamentais como é saber a que persoa ou familia nos referimos cando falamos por unha banda, e situalos nun espazo xeográfico pola outra. Un dos exemplos máis claros disto, son as notas necrolóxicas onde é habitual poñer xunto co nome e apelidos da persoa falecida, o seu alcume, se o tiver, para así facilitarlle á veciñanza a súa identificación.
Con todo, na actualidade o uso dos alcumes por distintos motivos está en franca regresión, sobre todo en áreas urbanas, podendo incluso chegar a perderse moitos dos alcumes tan pronto desaparezan as persoas maiores que os ostentan, desaparecendo así un aspecto moi interesante da cultura galega.
A través dos alcumes tamén podemos coñecer a capacidade de enxeño popular, a variedade e diversidade léxica, as variantes dialectais e a evolución dunha lingua das persoas que nos precederon no tempo.
Para nos falar dos alcumes de Marín dos anos 50 a Asociación Queremos Galego Marín contará coa presenza do veciño, profesor de FP, filólogo e lingüista Anxo Soto García.
Entre finais dos anos 90 e comezos do novo século o grupo Xarángallo Mángallo recolleu nos seus libriños centos de alcumes de Marín. Na actualidade Anxo Soto García con estes alcumes, con outros moitos recollidos tamén pola marinense Enriqueta Otero e por el mesmo está a facer un estudo da orixe e do significado dos alcumes de Marín nos anos 50.
A Asociación Queremos Galego Marín convida a toda a veciñanza a asistir a esta interesante charla para coñecer unha parte importante da cultura e historia da nosa vila, e achegarlle todos aqueles alcumes que coñezan ao autor para que poda seguir ampliando e mellorando o seu estudo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario